Novas

Unha aventura para descubrir cos cinco sentidos!

O alumnado de Educación Infantil realizou unha saída didáctica ao Pazo Quiñones de León, en Castrelos, para vivir unha experiencia chea de descubrimentos e aprendizaxes.

Ao longo da visita, convertémonos en pequenos exploradores e exploradoras para descubrir o noso contorno a través dos cinco sentidos: observamos as cores, as formas e os detalles do pazo; escoitamos os sons da natureza; descubrimos diferentes texturas e aromas e deixámonos sorprender por todo o que nos rodeaba.

Tamén tivemos a oportunidade de coñecer a antiga casa de Quiñones de León, percorrendo os seus espazos e achegándonos á historia deste fermoso edificio, rodeado duns xardíns cheos de vida e beleza.

Unha mañá diferente na que aprendemos experimentando, observando, tocando e, sobre todo, desfrutando xuntos e xuntas.

Porque o mundo está cheo de cousas marabillosas por descubrir cando abrimos ben os ollos, os oídos e todos os nosos sentidos!