Vivimos nunha realidade social caracterizada polo continuo cambio, organizada en sistemas plurais e globalizados, con novas esixencias laborais, claves culturais e modos de convivencia diversificados. O normal é a diversidade. A realidade é a materialización das expectativas creadas entre, por e para todos e todas. Unha realidade aberta, plural, flexible, acolledora, inclusiva. Na nosa tradición cultural, o respecto e o dereito ás liberdades individuais deben conciliarse co coidado e o proveito do ben común. Esta sociedade, para manter o seu nivel de desenvolvemento e funcionar de forma eficaz, demanda da cidadanía unha implicación a prol dunha tarefa colectiva: o benestar de todos e todas.
O Colexio Andersen non pode ficar arredado destes novos contextos e ten a obriga de responder con principios de actuación que incentiven e poñan en valor os obxectivos que consideramos, desde a nosa fundación, irrenunciables no ensino: a equidade, a igualdade de oportunidades e a formación educativa de calidade.
Os elementos que dan sentido ao noso traballo son a ensinanza para a vida, para a convivencia en sociedade, a ensinanza en valores, a ensinanza democrática e inclusiva, e a ensinanza no respecto ao medio ambiente e aos hábitos de vida saudables, O Colexio Andersen procura unha educación integral e afectiva, potenciando entre o seu alumnado o esforzo e o traballo, tanto individual como colectivo, ademais dunha:
- Educación non sexista, coa igualdade entre homes e mulleres.
- Educación laica, respectuosa coa diversidade cultural, racial, ideolóxica e coas crenzas relixiosas de cada persoa.
- Educación crítica, reflexiva, solidaria, humanizadora, tolerante e participativa.
O Colexio Andersen procura unha educación integral e afectiva, potenciando entre o seu alumnado o esforzo e o traballo, tanto individual como colectivo.