Novas

Non mires cara a outro lado: a convivencia tamén está nas túas mans.

E se unha palabra, unha escoita ou un xesto de apoio puidesen cambiar o día de alguén? Ás veces, para axudar, non fai falta ter todas as respostas; abonda con estar aí, escoitar e facerlle saber á outra persoa que non está soa.

Con esta idea nace o noso traballo arredor do equipo de mediación escolar e do Punto Laranxa, unha iniciativa coa que queremos converter a convivencia nun compromiso de todos e todas.

O alumnado de 5.º de Educación Primaria e o alumnado voluntario da ESO está a recibir formación para converterse en mediador e mediadora. A través de dinámicas e situacións prácticas, está aprendendo a escoitar sen xulgar, comprender diferentes puntos de vista, recoñecer as emocións e acompañar os compañeiros e compañeiras na procura de solucións pacíficas aos pequenos conflitos do día a día.

Pero quixemos dar un paso máis: os propios alumnos e alumnas de 5.º saíron das súas aulas para visitar os diferentes grupos do colexio e explicar, coas súas propias palabras, que é o Punto Laranxa, para que serve e como funciona o equipo de mediación. Eles e elas foron os encargados de transmitir unha mensaxe fundamental: sempre podemos pedir axuda e sempre debemos ter alguén disposto a escoitarnos.

E que significa o Punto Laranxa? 

Significa ter un lugar onde acudir cando algo nos preocupa, cando nos sentimos excluídos, cando temos un problema ou cando presenciamos unha situación que non nos parece xusta. É un espazo de confianza no que podemos falar, ser escoitados e atopar apoio.

O equipo de mediación, formado por alumnado de Primaria e da ESO, representa unha maneira diferente de entender os conflitos: non se trata de buscar culpables, senón de aprender a escoitar, comprender, dialogar e reparar. Os mediadores e mediadoras acompañan este proceso, sempre desde o respecto e sabendo que hai situacións nas que é imprescindible contar coa axuda do profesorado.

Porque queremos un cole no que ninguén mire cara a outro lado, no que pedir axuda non dea vergoña, no que as diferenzas se respecten e no que todas as persoas teñan o seu lugar.

Non queremos ser espectadores dos problemas dos demais. Queremos ser parte da solución.

Unha palabra pode achegar. Un xesto pode acompañar. Escoitar pode cambiar as cousas.

No Andersen, a convivencia constrúese entre todos e todas.!

Tags